
07 de Setembro de 2020
07.09.2020. A Unión Europea (UE) puxo en marcha unha consulta pública sobre o desenvolvemento rural para esbozar unha visión a longo prazo para as zonas rurais de Europa. Máis concretamente, a folla de ruta ten como obxectivo establecer, mediante o debate, unha perspectiva sobre o futuro das zonas rurais para o ano 2040 e o papel que deberían desempeñar na nosa sociedade.
- A iniciativa ten como obxectivo establecer unha visión para o desenvolvemento rural en Europa ata o ano 2040.
- O diálogo está aberto á cidadanía europea ata o 9 de setembro.
A enquisa ten como obxectivo recompilar opinións sobre desafíos como o cambio demográfico, a conectividade, os baixos niveis de ingresos e o acceso limitado aos servizos.
Os comentarios recibidos serán tidos en conta para un maior desenvolvemento e axuste da iniciativa. A Comisión resumirá as contribucións recibidas nun informe no que se explicará como se terán en conta e, se procede, por que non se poden aceptar determinadas suxestións.
Para participar, visite a seguinte ligazón: europa.eu/!rp46vH
A adopción por parte da Comisión Europea da Folla de ruta rural 2040, tras a finalización da consulta pública, está prevista para o segundo trimestre de 2021.
Follas de ruta europeas
En virtude do chamado " dereito de iniciativa ", correspóndelle á Comisión Europea planificar, preparar e propoñer nova lexislación da UE. A lexislación da UE defende os intereses da Unión e de todos os seus cidadáns. Polo tanto, a cidadanía, as empresas, as organizacións da sociedade civil, as administracións públicas e outras partes interesadas que poidan verse afectadas teñen a oportunidade de participar no proceso.
Aínda que a Comisión Europea presenta as súas propostas lexislativas e políticas por iniciativa propia, tamén pode actuar por solicitude:
- do Consello Europeo (xefes de Estado ou de Goberno dos países da UE).
- do Consello da Unión Europea (ministros dos países da UE).
- do Parlamento Europeo (elixido por sufraxio directo dos cidadáns da UE).
- polos propios cidadáns , no marco dunha iniciativa cidadá europea.
A Comisión emprega follas de ruta para determinar o alcance de:
- nova lexislación e novas políticas
- avaliacións da lexislación e as políticas vixentes
- os controis sobre a adecuación das regulacións e políticas aplicadas nunha determinada área.
As follas de ruta describen os problemas que hai que resolver e os obxectivos que hai que acadar, explican por que é necesaria a intervención da UE, resumen as distintas opcións políticas propostas polos Estados membros e esbozan as principais características da estratexia de consulta.